martes, 4 de octubre de 2016

O rei do cacao e o cine Teatro

A fin de semana pasada, La Voz de Galicia publicou un artigo no que Martín Fernández fala de Portolés, un indiano impostor que pasou por Ribadeo:

02/10/2016 (La Voz de Galicia)

En xullo de 1916, o semanario Ribadense informaba da chegada á nosa vila do "sportman" Don Fernando Caamaño Bonella, pertencente a unha familia de grandes capitalistas de Venezuela.
O mozo, duns 30 anos, aloxábase no Gran Hotel Ferrocarrilana e aseguraba dedicarse á venta de café e cacao, polo que comezaron a chamarlle O rei do cacao e O millonario.

Pouco despois da súa chegada, subarrendou o Teatro aos empresarios José María Díaz Villamil e Constantino Manuel Fernández, que uns anos antes construiran un camarín para poder proxectar cine no Teatro. O rei do cacao rebaixou o prezo das entradas, non lle cobraba aos nenos e proxectaba películas diferentes
Só durou un mes no Teatro e posteriormente desapareceu, deixando moitas débedas que nunca pagou.
Tras a súa marcha, os veciños de Ribadeo fixeron a seguinte copla sobre o tema:


En 1919, a prensa publicou que O rei do cacao estivera nun psiquiátrico de Leganés e preso no cárcere en Madrid, condenado por estafas, enganos e delitos de uso indebido, usurpación e suplantación de nomes, títulos e uniformes.

Adoptou numerosas identidades falsas (foi coñecido como Antonio Rágoles Villamil, Juan Edison, Enrique Sampedro, Mister Harrison, Príncipe Alberto de Battemberg ou Francisco Martínez Cabañete, entre outros moitos nomes) e afirmaba ser aviador, deportista, cineasta, nuncio da Santa Sé, Duque de Rusia, Rei do cacao...

O seu nome real era Tomás Portolés Rafols e era natural de Calanda (Teruel), de onde tamén era o cineasta Luis Buñuel Portolés, polo que se sospeita que poderían ser da mesma familia.

A novela "No digas que me conoces", de Sergi Doria, reconstrúe a incrible pero auténtica historia deste enigmático personaxe.